1/1

O Castro de Alobre é un conxunto arqueolóxico de gran potencia e que “debía ser imponente visto desde o mar” segundo Rafael Rodríguez, un dos arqueólogos do xacemento.

Nos convida a facer unha fantástica viaxe a través do tempo: desde a cultura castrexa ao Medievo, pasando pola romanización e ofrecendo infinitas posibilidades ao visitante, a un paso do centro urbano, ao pé da ría e do río, e xunto a un pazo do século  XVI e unha igrexa e convento do  XVII.

A súa ocupación  de poblado con cabañas circulares  perdurou posiblemente ao longo de oitocentos anos, entre os séculos V a.c.  e o século III da nosa era.

A principios do século XX,  e grazas aos traballos de Fermín Bouza Brey e  Fernández Gil Casal, o Castro Alobre comezóu a espertar, continuando a día de hoxe cunha serie de excavacións que teñen aportado preto de 20.000 pezas que se atopan depositadas no Museo de Pontevedra, das cales 240 son de bronce e entre as que figuran unha moeda da época de Augusto, un denario de prata do ano 69 a.c. ou un adorno femenino procedente do mundo etrusco. Todo elo pon de manifesto unha intensa relación comercial de comunicación marítima entre as culturas mediterránea e atlántica, sendo a orixe do actual porto de Vilagarcía.

O exuberante arbolado do Castro de Alobre, con laureles e carballos, é moi similar ao que podemos atopar na Illa de Cortegada, que se pode vislumbrar desde a terraza inferior do parque. Sorolla pintou neste entorno en 1915  o cuadro adicado a Galicia  por encargo da Hispanic Society de Nova Iorque, un bosque que rezuma historia rodeado por unha cidade.

Un lugar no que deixar  voar a imaxinación ao redor de mitos e lendas como as do túnel de dona Urraca, que supostamente conectaba o convento de Vistalegre co castelo de Lobeira, ou o misterioso asasinato dun neno, sen deixar de pensar en  Neptuno, deus do mar, ou o vello “camiño real” que unía Cambados con Iria Flavia, final do traxecto dos restos do apóstolo Santiago.

O Castro de  Alobre é un lugar da memoria dunha cidade que ten, precisamente neste lugar, a explicación de moitas das súas características actuais.

A musealización actual do parque está impulsada pola Deputación de Pontevedra co desexo de convertir o Castro de Alobre nun museo ao aire libre.

 

Bibliografía;

La Voz de Galicia, 3 de xaneiro de 2016. Reportaxe de Serxio González

Proyecto campaña 2008. Javier Montero Pérez. Concello Vilagarcía de Arousa

Páxina Web de Turismo do Concello Vilagarcía de Arousa

© 2020  by clasclas